22.1.09

De novo no Salón do Libro de Pontevedra

Quartoescuro crea un dos espazos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: "A habitación da fada madriña".

O amor é o tema que centra este ano o Salón, no que Portugal será o país convidado.

Exposicións, conferencias, actividades concertadas, concertos e literatura, moita literatura enriquecen o programa desta X edición que amplía a súa duración do 1 de febreiro ao 15 de marzo.

A escritora Fina Casalderrey será a autora homenaxeada este ano. Achegamos algunhas imaxes do espazo de Teatro Quartoescuro.

20.3.08

UNHA PARELLA IDEAL DE NOVO A ESCENA




Unha vez máis a nosa parella ideal Tati García & Ángel Seoane (con Carlos Gulías como mestre de cerimonias) voltará aos escenarios. Nesta ocasión a cita é o domingo 20 de abril ás 18:30 da tarde no centro sociocultural de Mourente (Pontevedra). A entrada é gratuita.

A actuación forma parte do circuito de teatro afeccionado en parroquias organizado polo Concello de Pontevedra, e será a primeira de tres que terán lugar ao longo do verán do 2008.

A invitación está feita, agora só tedes que aceptala. Garantizámosvos un ratiño divertido con esta comedia finalista do GZ crea 2007.

28.1.08

Quartoescuro de novo no Salon do Libro

Este é o cartel da última edición do Salón do Libro de Pontevedra no cal Teatro Quartoescuro volveu participar.
Desta vez a compañía montou unha escea da fermosa historia do Soldadiño de Chumbo, con figuriña e barco de papel incluído. Podedes pasarvos polo Salón (sito no Pazo da Cultura de Pontevedra) ata marzo para ver os espazos artísticos.
Moi pronto subiremos á web as fotos do noso espazo ademáis dun pequeno video.
Polo de pronto, e se precisades máis info, podedes consultar a web do salón do libro www.salondolibro.org

11.12.07

A NOITE DE LEONARD EN MOAÑA


O sábado 15 de decembro, en riguroso directo dende o Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela, Moaña. Ángel Seoane en "A noite de Leonard". A función dará comezo ás nove da noite e poderase disfrutar completamente de balde. Non a perdades. Se queredes máis información só tedes que clickar aqui. Ficha técnica:
leonard: ángel seoane, escenografía: andrea pozo, vestiario: a.t.quartoescuro, iluminación: carlos gulías, auxiliar técnico: ángel sousa, guión: carlos gulías e ángel seoane e inspirado en “el teléfono” de joan cavallé e interpretado en 1989 por mercè anglès. director: carlos gulías
Sinopse:
“Non podo calar o que sinto e prefiro dicilo e berralo a seguir finxindo. Síntoo meu amor, agardo que o entendas. Non sabes como estraño a túa cama, mais probarei sorte
de novo noutro lugar, lonxe de tí. Lembra que sempre podes chamarme, cando queiras. Ninguén nos coñece tanto como a nós mesmos. E compartimos moito que non quero esquecer. Cóidate. Túa sempre, Molly.”

15.11.07

Outro ano máis voltamos a acertar!!

Acertamos de pleno. Sabiamos que non iamos gañar e efectivamente non gañamos ningún premio dese fantástico e prestixoso certame GZcrea de teatro. A verdade é que despois de catro anos ca mesma leria neste premio pois a nós, polo menos, xa nos ule un pouco a pescada. Hoxe paréceme simpático lembrar cando lle pasei ao técnico do teatro de Cangas, antes de comezar as actuacións, a listaxe dos hoxe gañadores, e lle asegurei poñendo a man no lume quen ia quedar de primeiro clasificado. Canta casualidade! En fin, que despois de catro anos como finalistas deste premio (antes Na Vangarda, hoxe GZcrea), xa temos bastante clariño como funciona o reparto de medallas neste país noso, o goberne quen o goberne. Unha aperta.

31.10.07

XA TEMOS DATAS

Finalmente Quartoescuro actuará na final de GZ crea o 12 de novembro ás 21:00 horas no auditorio municipal de Cangas. Alí levaremos a nosa Parella Ideal, esperamos vervos a moitos. A entrada é libre ata completar aforo. Veremos se esta vez (a cuarta vez que somos finalistas, sempre que nos presentamos nos seleccionaron) conseguimos que nos den o premio.

Ademais Quartoescuro actuará no ciclo Novembro de teatro, o día 25 de novembro ás 18:30 horas no auditorio de Bemvibre. Nesta ocasión a obra será "A noite de Leonard". Agardámosvos alí (tal vez xa cun premio nas nosas mans).

18.10.07

De novo no GZCREA, e xa van 3 ou 4

Volvemos a vernos as caras o Certame GZCREA e Quartoescuro Teatro. A actuación será entre o 12 e o 14 de novembro en lugar e hora por determinar. E se todos os anos foi algo complicadiño facer a actuación pola diseminación de actores, este ano xa é algo espectacular e deberían darnos o premio só por iso. Tati en París, Ángel en Santiago, o outro Ángel en Pontevedra/Vigo e eu en toda Galicia ó mesmo tempo e a todas horas. Eu creo que o mellor é que fagamos a representación por videoconferencia e lla poñemos ó xurado nunha pantalla xigante no teatro. Seguro que así nos dan un dos premios eses que sempre se nos escapan pola porta pequena. A ver se desta vai. Ata pronto.

5.6.07

Quartoescuro no Principal de Pontevedra

O sábado 23 de xuño e o 30 de xuño, Teatro Quartoescuro de gratis no Principal de Pontevedra coa obra "Unha Parella Ideal", coa que acadou unha grande ovación na súa estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Lembrádeo. Ás 21h e de gratis. Diversión garantizada ou devolvemos o custo da entrada.

21.4.07

Quartoescuro estrea nova montaxe "UNHA PARELLA IDEAL"


Teatro Quartoescuro presenta unha nova montaxe, que se estreará o 25 de maio no Salón Teatro de Santiago dentro da mostra de teatro universitario da USC.

Con "Unha parella ideal" volvemos ao terreo da comedia, no que comezamos e que tantas satisfaccións nos trouxo, cunha historia aparentemente absurda, que fala das casualidades do cotián.

Ademais o 23 e 30 de xuño voltaremos á casa que nos viu nacer, o Teatro Principal de Pontevedra, onde a compañía se presentou por primeira vez ante o gran público con aquela comedia que seguro recordaredes con cariño: "Eu son un sernormal".

30.1.07

Salón do Libro de Pontevedra


Aquí podedes ver un video do proceso da montaxe dos distintos espazos do Salón do Libro de Pontevedra. Quartoescuro deseño e montou o espazo "O Castelo de Nosferatu" e é do que proveñen a maioría das imaxes. O clip forma parte do programa O Peneirín, adicado ó Salón e cunha longa entrevista a Anxo Moure, contacontos e conseguidor de bicicletas. O Peneirín é unha produción de DEZTV para Onda Nós que se emite en todas as tv locais de Galicia os mércores ás once e media da noite e en DEZTV os sábados ás nove e media.

17.1.07

Cartel do Salón do Libro



Este é o Cartel para a Edición 2007 do Salón do Libro de Pontevedra. A autora é Noemí López.

A deseñadora traballa para diversas entidades públicas coma o Concello de Lugo, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e diversas editoriais galegas.

Tamén desenrola proxectos dentro do mundo dos debuxos animados, e do deseño de escenografía para teatro.

16.1.07

Unha de medo no Salón do Libro


Un ano máis, (e xa van 4) a nosa compañía participa na montaxe de Espazos Didácticos para os nenos. Este ano, o tema do Salón do Libro de Pontevedra é o medo e por iso, Quartoescuro recrea a entrada á Mansión de Nosferatu.
O Salón inaugurarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o 4 de Febreiro do 2007. Aí tedes unha foto orientativa do q será o noso espazo. Podedes clicar sobre ela para vela máis grande.
Por certo, podedes atopar máis información sobre o Salón pinchando aquí: salóndolibropontevedra.org

28.12.06

Actuación en Palas de Rei


Drama Estático nun Cadro, de F.Pessoa volve ó escenario o sábado 30 de decembro na Casa da Cultura de Palas de Rei (Lugo).

A función será as nove da noite e está encadrada dentro da mostra de Teatro Móvete organizada por FEGATEA.

Podedes atopar máis información sobre este festival na sección Máis Alá do xornal electrónico Vieiros.

23.11.06

Entrevista en profundidade no Atlántico Diario


Angélica Fálagan, redactora do suplemento Universitas do Atlántico Diario, tivo a impagable amabilidade de facer unha reportaxe sobre as asociación e colectivos da Universidade.

No campo da cultura e o teatro destacou a nosa Aula de Teatro con entrevista incluída ó director da compañía.














No tocante á nosa compañía destacou o prestixio e calidade das nosas montaxes así como o éxito que está a acadar nos escenarios galegos a última produción: Drama Estático nun Cadro, de F. Pessoa.

Para ler a reportaxe fai click sobre cada imaxe.

17.11.06

Actuación en Palas de Rei -Lugo-

Pensabades que ía rematar o ano sen outra actuación de Quartoescuro?

O día 30 de decembro, con hora aínda por confirmar, Drama Estático un Cadro volverá o escenario, xa sabendo se fomos os gañadores do certame GZCREA, que tal e como nos foi sempre, pois será que non...

Lembrádeo, a actuación será na vila natal de Pepiño Blanco o 30 de decembro dentro da Mostra de Teatro de Fegatea. Saúdos.

13.11.06

A final de GZCREA xa ten día, lugar e hora.

Cruzade todos ben os dedos porque o vindeiro 29 de novembro ás sete e media da tarde, no Centro Cívico de Arteixo, Quartoescuro lucirá sobre o escenario o seu Drama Estático nun Cadro.

A entrada é de balde, tanto para o xurado como para a xente que queira vir.

Máis información na web do Certame Gzcrea 2006 dentro do epígrafe de Teatro.

A ver que pasa. Deica entón, un saúdo.

12.11.06

Finalistas por terceiro ano


Por terceiro ano consecutivo, Teatro Quartoescuro é finalista do Certame GZCREA (antes chamado Na Vangarda), na modalidade de Teatro.

A obra seleccionado é "Drama Estático nun Cadro", de F. Pessoa e dirixida por Carlos Gulías.

A final terá lugar o vindeiro 29 de novembro nun lugar aínda por determinar.

A ver se este ano cae algo...